A importancia para a biodiversidade e a conservación na ZEC/ZEPA Illas Cíes (ES0000001) queda referendada pola identificación dun nutrido conxunto de hábitats e especies de interese comunitario no Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (Ramil-Rego et al. 2012), aprobado mediante o Decreto 37/2014, que é o instrumento básico de planificación e xestión en rede dos Espazos Natura 2000 de Galicia. O Plan establece un conxunto de obxectivos e medidas de xestión para os espazos naturais que se inclúen no seu ámbito de aplicación, coa finalidade de asegurar un estado de conservación favorable dos tipos de hábitats naturais e das especies de interese comunitario das DC 92/43/CEE e DC 2009/147/CE. De acordo á información diagnóstica do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, a ZEC/ZEPA Illas Cíes (ES0000001) alberga no seu territorio 23 tipos diferentes de hábitats de interese comunitario (Anexo I da DC 92/43/CEE), dos cales 4 son considerados prioritarios (1150*, 2130*, 2150* e 6220*). É dicir, dentro deste espazo, que supón o 0,28% da Rede Natura 2000 de Galicia, existe representación do 32% do total de tipos de hábitat de interese comunitario identificados para Galicia e do 22% dos tipos prioritarios na Comunidade Autónoma (Ramil-Rego et al. 2008a, b). Este nutrido elenco de tipos de hábitats, con especial atención á variedade de hábitats costeiros presentes, contribúen á mellora da conectividade dos hábitats naturais e seminaturais, funcionando como puntos de ligazón esenciais para a migración e o intercambio xenético das especies silvestres.
O carácter insular e costeiro deste territorio motiva que o grupo de hábitats máis numeroso sexa os relativo a Hábitats costeiros e vexetación halofítica, con 10 tipos diferentes identificados (dos 13 identificados en Galicia, é dicir, o 77%), e o grupo de Dunas Marítimas e Continentais que conta con 7 tipos de hábitat que supoñen a totalidade (100%) dos hábitats dunares identificados en Galicia. Destacan, por tanto, os hábitats pertencentes aos sistemas dunares das illas, que contactan con outros tipos de hábitats costeiros, que representan un conxunto de ecosistemas fráxiles #ante as ameazas identificadas no presente proxecto, o que indica a importancia e interese que na ZEC/ZEPA Illas Cíes (ES0000001) representa o contacto e continuidade destes tipos de hábitat desde o punto de vista da conservación da biodiversidade e o patrimonio natural.
Con todo, a consulta da cartografía ambiental do Plan Director da Rede Natura 2000, posta a disposición pública por DXPN, permite verificar que os tipos de hábitat que ocupan unha maior superficie, á marxe dos tipos relacionados coas augas costeiras (1110, 1140, 1160, 1170), son o tipo de interese comunitario 4030 con 190,17 ha (o 19% da ZEC/ZEPA), o tipo 1230 con 115,20 ha (o 12% da ZEC/ZEPA), o tipo 8230 con 105,52 ha (o 11% da ZEC/ZEPA), o tipo prioritario 2150* con 92,36 ha (o 9 % da ZEC/ZEPA), e o tipo 2130* con 16,64 ha (o 2% da ZEC/ZEPA). É dicir, os tipos de hábitat de maior representación superficial da ZEC/ZEPA Illas Cíes (ES0000001) conforman un extenso complexo continuo de elevado valor de conservación e interese comunitario, situándose en contacto coa transición formada polos tipos 2130* e 4030, abordados por LIFE INSULAR no presente documento. Os ecosistemas dunares do tipo 2130* contactan, seguindo un eixo horizontal, cos cantís do tipo 1230, mentres que catenalmente en vertical contactan coas matogueiras costeiras do tipo 4030 e as matogueiras sobre duna do 2150*, que á súa vez tamén se atopan en contacto co tipo 1230. Estes 3 tipos de hábitat (1230, 2150*, 4030), á súa vez, inclúen importantes representacións de rochedos silíceos do tipo 8230.
Por todo o anterior, a representación de hábitats costeiros e insulares da ZEC/ZEPA Illas Cíes (ES0000001), xunto ás doutros arquipélagos atlánticos na Rede Natura 2000 de Galicia (Ons, Sálvora), tamén incluídos en LIFE INSULAR, atópanse entre as mellores de todo o NW Ibérico.
En canto á flora e fauna, a ZEC/ZEPA Illas Cíes (ES0000001) posúe un elevado número de especies de interese para a conservación, cun total de máis de 90 especies con algunha categoría de protección europea, estatal ou autonómica, na súa maioría correspondente ás aves, ao ser un lugar que alberga diversas colonias de aves migratorias. Un total de 13 taxones atópanse incluídos no Anexo II da DC 92/43/CEE, onde cabe sinalar a presenza da especie prioritaria Caretta caretta, as especies de herpetofauna Discoglossus galganoi e Chalcides bedriagai, ou os mamíferos acuáticos como Tursiops truncatus e Phocoena phocoena.
É notable a diversidade de invertebrados neste arquipélago, sobre todo de taxóns terrestres pero tamén acuáticos, que atopan neste espazo un hábitat idóneo para as súas poboacións, xa que é posible identificar un total de 8 especies deste grupo, o que representa o 67% dos taxóns de invertebrados de interese para a conservación dos espazos Natura 2000 da área costeira de Galicia. É posible citar exemplos incluídos nos Anexo II e/o IV da DC 92/43/CEE como Cerambyx cerdo, Euphydryas aurinia, Geomalacus maculosus ou Lucanus cervus.
Con todo, a nivel faunístico a importancia do Arquipélago de Cíes, radica principalmente na presenza de importantes colonias migratorias de aves, como a poboación invernante de gaivota patiamarela (Larus cachinnans), que supón o 95 % dos efectivos totais censados no inverno no estado español, considerándose unha das maiores colonias europeas desta especie. Destacando igualmente as poboacións de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) e vulvepedras común (Arenaria interpres). Tamén se consideran de gran importancia no contexto cántabro-atlántico español as poboacións do paíño europeo (Hydrobates pelagicus) e de gaivota sombría (Larus fuscus), ademais o arao dos cóns (Uria aalge).
Enlace ao Formulario normalizado da ZEC