O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia continúa avanzando na conservación do patrimonio vexetal das súas illas a través da reprodución de exemplares autóctonos e da preservación do seu xermoplasma, o material xenético que permite conservar e reproducir as características propias das poboacións vexetais de cada territorio.
Os traballos céntranse na obtención de novos exemplares a partir de plantas nacidas de maneira natural no propio arquipélago. Entre as especies reproducidas atópanse o salgueiro, procedente de individuos das illas de San Martiño e Monteagudo-Faro, así como Quercus pyrenaica, Ilex aquifolium, Laurus nobilis, Arbutus unedo e Crataegus monogyna.
A aposta por reproducir plantas orixinarias das propias illas permite manter unha reserva de diversidade xenética vinculada a estes ecosistemas insulares. Este traballo resulta especialmente relevante para a conservación a longo prazo, xa que facilita a recuperación de poboacións vexetais e permite dispoñer de exemplares propios para futuras actuacións de restauración, evitando introducir material xenético alleo.
Deste xeito, os labores de produción en viveiro convértense nunha ferramenta máis dentro da xestión e conservación do Parque Nacional, contribuíndo a preservar non só as especies, senón tamén a identidade xenética das comunidades vexetais que medran de forma natural nas Illas Atlánticas.