O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia realizou unha nova campaña de recollida de landra de cerquiño na illa de San Martiño, nas Cíes, co obxectivo de preservar e reforzar o patrimonio xenético desta especie na illa. Durante os traballos tamén se xeorreferenciaron seis novos exemplares de cerquiño, ampliando o inventario das árbores presentes neste enclave.
A recollida de sementes permitirá incorporalas ao banco de xermoplasma, unha ferramenta fundamental para garantir a conservación do material xenético e favorecer a reprodución de individuos procedentes da propia illa. Esta estratexia contribúe a manter a singularidade da poboación insular, mellorando a súa capacidade de conservación e asegurando a continuidade desta especie autóctona nas Cíes.