2026/09/14: Ons, un faro cultural na entrada da ría de Pontevedra

A illa de Ons é moito máis ca un destino de sol e praia. Única illa habitada do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, este enclave situado na entrada da ría de Pontevedra reúne un patrimonio natural, histórico e cultural que a converte nun auténtico museo ao aire libre, con vestixios que abranguen desde a Idade do Ferro ata o século XX.

Ademais de acoller algúns dos ecosistemas máis valiosos do litoral galego, Ons conserva unha extraordinaria riqueza arqueolóxica. Entre os seus grandes tesouros destaca o xacemento de Castelo dos Mouros, onde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), da Universidade de Vigo, desenvolve campañas de escavación desde hai varios anos. Os traballos permitiron documentar o asentamento humano permanente máis antigo coñecido na illa, un poboado fundado arredor do século IV antes de Cristo e habitado ata o século V da nosa era.

As investigacións sacaron á luz os restos dunha muralla defensiva, aínda visible desde o mar, e varias vivendas que amosan a transición entre a cultura castrexa e a romanización. Entre os achados máis singulares figura un pequeno conxunto de moedas de bronce agochadas nunha vivenda romana, así como evidencias dun incendio que provocou o colapso do edificio nos derradeiros anos do Imperio romano.

Moi preto, na praia de Canexol, aparecen as pegadas da intensa actividade económica romana. Alí localizáronse dúas factorías de salgadura de peixe e existen indicios dunha terceira. Tamén se descubriu unha factoría de produción de púrpura, un valioso colorante obtido a partir do Stramonita haemastoma (múrice), un molusco mariño hoxe desaparecido das Rías Baixas. Este achado converte Ons no enclave máis ao norte do antigo Imperio romano onde se ten documentado a produción comercial deste prezado tinte.

O percorrido pola historia continúa na época medieval coa enigmática Laxe do Crego, unha tumba escavada na rocha xunto ao mar cuxa tapa orixinal se conserva hoxe no centro de interpretación de Curro, onde tamén se exhiben pezas procedentes das escavacións arqueolóxicas realizadas na illa.

Tras séculos de despoboamento, marcados pola inseguridade da costa e as incursións de piratas e corsarios, Ons volveu ter poboación estable a comezos do século XIX. Integrada administrativamente no concello de Bueu, a illa foi conformando unha comunidade con identidade propia, con igrexa, cemiterio, vivendas e un modo de vida vencellado ao mar e á agricultura.

Precisamente en 2026 cúmprese o centenario da principal reforma e ampliación do Faro de Ons, un dos símbolos máis recoñecibles da illa e da entrada da ría de Pontevedra. Coincidindo con esta efeméride, estúdase a súa musealización parcial para poñer en valor a súa historia e o seu papel na navegación. Un aniversario que reforza a idea de Ons como un verdadeiro faro cultural: un lugar onde natureza, patrimonio, arqueoloxía e memoria colectiva iluminan séculos de historia de Galicia.

Voltar