2026/09/15: O Parque Nacional recolle máis de 8.000 sementes autóctonas para consolidar a restauración dos hábitats insulares

O Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia deu un novo paso na recuperación dos seus ecosistemas terrestres coa recollida de 8.386 sementes autóctonas durante a campaña de 2025. O obxectivo é producir planta de especies propias das illas para avanzar na restauración dos hábitats naturais tras a eliminación de especies invasoras como Eucalyptus e Acacia melanoxylon.

A recollida de sementes permite conservar material xenético adaptado ás condicións ambientais das illas e da súa contorna costeira, aumentando as posibilidades de éxito das futuras actuacións de restauración.

As sementes pertencen a sete especies características dos bosques e matogueiras atlánticas: Crataegus monogyna (2.850 sementes viables), Arbutus unedo (2.678), Ilex aquifolium (1.374), Laurus nobilis (1.000), Pyrus cordata, Quercus pyrenaica e Quercus robur.

Os traballos realizáronse nas illas de Faro, Monteagudo e Ons, así como en Hío, Aldán e Cabo Udra, no Morrazo. Estas zonas seleccionáronse por presentar condicións climáticas, xeográficas e ambientais semellantes ás dos espazos que se pretende restaurar.

Na actualidade, as sementes cultívanse nos viveiros do Parque Nacional seguindo protocolos específicos de conservación e xerminación. Ademais de recuperar a vexetación autóctona, estas actuacións contribúen á mellora dos solos, favorecen a dispersión natural de sementes pola fauna e crean novos refuxios e recursos alimentarios para aves e invertebrados.

Esta campaña forma parte dun programa iniciado en 2021, que xa permitiu reunir máis de 34.900 sementes viables para abastecer os proxectos de restauración ecolóxica do Parque Nacional e consolidar unha base xenética para a conservación futura.

Voltar