2026/06/27: Chegada masiva de patexo nas Illas Cíes (Galicia)

Nas praias e zonas rochosas do arquipélago das Illas Cíes (Galicia), moi pretiño das zonas de actuación de LIFE INSULAR estase a observar, por terceira vez no que vai de ano, unha arribazón masiva de milleiros de exemplares de patexo (Polybius henslowii), un crustáceo nadador que pode ser arrastrado cara á costa pola acción combinada das correntes, a marea e os ventos. Aínda que se trata dun fenómeno natural xa coñecido no litoral galego, a súa intensidade resulta especialmente rechamante.

Este episodio está relacionado con factores ambientais e biolóxicos, como as condicións oceanográficas, a persistencia de ventos do norte e o comportamento peláxico desta especie, que forma grandes agregacións en mar aberto. Ao ser organismos lixeiros e fráxiles, poden quedar acumulados con facilidade na liña de costa cando son desprazados polo vento e pola ondada.

Malia o seu aspecto pouco vistoso cando aparecen varados, os patexos teñen unha elevada importancia ecolóxica, xa que constitúen un recurso trófico fundamental para peixes e aves mariñas. A súa presenza forma parte da dinámica natural dos ecosistemas costeiros e lembra a complexidade das relacións ecolóxicas que sustentan a biodiversidade mariña do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Voltar