No marco do proxecto BATALLEIROS pola biodiversidade, financiado pola Fundación Biodiversidad a través da convocatoria Empleaverde, o BATA Centro Especial de Emprego, en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, beneficiario asociado de LIFE INSULAR, desenvolveu un curso de formación en pilotaxe de cadeiras Joëlette dirixido a oito persoas con trastorno do espectro autista e/ou discapacidade intelectual.
Esta iniciativa contribúe a reforzar a accesibilidade universal e o ocio inclusivo nos espazos naturais protexidos, favorecendo que persoas con diferentes capacidades poidan participar activamente en actividades de natureza, sendeirismo e interpretación ambiental.
Como parte desta experiencia, acompañouse a Ada e á súa clase do Colexio Julio Camba de Vilanova de Arousa na súa excursión de final de curso ás Illas Cíes, moi pretiño das zonas de actuación de LIFE INSULAR. A actividade permitiu poñer en práctica os coñecementos adquiridos na formación e amosar o enorme valor social, educativo e humano deste tipo de iniciativas. A experiencia constitúe un exemplo de colaboración entre entidades sociais, administracións ambientais e proxectos orientados á conservación da biodiversidade, demostrando que a protección da natureza tamén debe avanzar da man da inclusión, da participación social e do dereito de todas as persoas a gozar dos espazos naturais.
Desde LIFE INSULAR ponse en valor este tipo de accións, que contribúen a facer dos espazos Natura 2000 e dos parques nacionais lugares máis accesibles, participativos e comprometidos cun modelo de conservación aberto á sociedade.
Persoas que axudan a persoas, ocio inclusivo, sendeirismo inclusivo e un parque para todas e todos.