O proxecto PLANCTON (Plan de Conservación territorial) promovido por Afundación (Obra Social ABANCA) e coa participación de LIFE INSULAR, estivo na Illa de Ons, incluída no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, para desenvolver unha xornada de voluntariado ambiental, na cal se levou a cabo unha actuación de retirada de lixo mariño e de eliminación de especies de flora exótica invasora que amenazan á biodiversidade deste espazo protexido.
En tres horas, voluntarios retiraron máis de 10.000 plantas da especie invasora coñecida como falsa árnica (Helichrysum foetidum), cun peso de 517 quilogramos. Esta especie exótica é orixinaria do sur de África. Este tipo de accións pretenden fortalecer a resiliencia do medio natural das illas aos efectos do cambio climático. Con esta iniciativa, Afundación uniuse unha vez máis ao proxecto LIFE Insular, no que participa o Parque Nacional, para apoiar a conservación dos diversos hábitats das illas que forman parte da Rede Natura 2000 no Atlántico.