Representantes dos proxectos LIFE de restauración da natureza máis ambiciosos de Irlanda reuníronse o pasado 17 de abril no Parque Nacional de Glenveagh (Donegal, Irlanda) nun obradoiro de intercambio de coñecemento, coincidindo co ecuador das súas iniciativas. Deste xeito, desenvolveuse un programa de presentacións no que Javier Ferreiro, en representación de IBADER da Universidade de Santiago de Compostela e LIFE INSULAR, Máire Ní Fearraigh e Eithne Davis por LIFE on Machair, e Victoria McArthur por Wild Atlantic Nature, expuxeron os avances e o alcance dos seus respectivos proxectos.
A continuación, as persoas asistentes participaron nunha visita técnica polos bosques de Glenveagh, guiada polos gardas de conservación Martin Toye e Eibhlín McGeever, na que se presentaron as principais liñas da nova estratexia de xestión forestal do parque: eliminación de especies invasoras, control das poboacións de cervos, expansión do bosque autóctono e creación dun viveiro forestal propio. O encontro foi valorado moi positivamente, ao favorecer o intercambio de experiencias, a creación de novas conexións e a incorporación de aprendizaxes útiles para a seguinte fase dos proxectos.