2026/04/13: Gran esforzo para a eliminación de eucaliptos nas Illas Cíes co obxectivo da restauración dos ecosistemas naturais

A retirada de eucaliptos no arquipélago das Illas Cíes consolídase como unha das actuacións máis relevantes na restauración ecolóxica destes espazos protexidos. No marco das accións impulsadas polo proxecto LIFE INSULAR e complementadas polas políticas da Xunta de Galicia, xa se eliminaron arredor de 30.000 exemplares desta especie invasora.

Os traballos desenvolvidos polo Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, presentan diferentes ritmos segundo as illas. Na illa do Faro, a penas quedan exemplares, en Monteagudo eliminouse aproximadamente un terzo dos exemplares e en San Martiño os traballos avanzan menor ritmo.

A eliminación destas especies permite avanzar na restauración dos hábitats naturais, favorecendo a recuperación da vexetación autóctona e mellorando as condicións para a fauna. Durante estes traballos, mesmo se produciu o achado dun manancial oculto pola masa de eucaliptos, o que evidencia o potencial destas actuacións para recuperar procesos ecolóxicos e espazos de alto valor ambiental, o Parque Nacional estima que no prazo dunha década, a paisaxe das Cíes terá cambiado de forma significativa.

A restauración dos ecosistemas insulares, nomeadamente as dunas de area e os seus hábitats de contacto, se atopa aliñada cos obxectivos europeos de conservación da natureza, e pon de manifesto a importancia de actuar de maneira continuada e manter un seguimento posterior fronte á expansión das especies invasoras.

En paralelo, a Xunta de Galicia crea sinerxías mediante novas iniciativas como LIFE GLOBAL, a través do cal ven de publicarse unha nova licitación para a eliminación de especies exóticas invasoras nas lagoas costeiras situadas no entorno dos hábitats obxectivo de LIFE INSULAR, cun investimento superior aos 150.000 euros. As actuacións, que se desenvolverán ata 2028, inclúen intervencións selectivas, maioritariamente manuais, sobre unha vintena de especies exóticas invasoras.

Voltar