Nestes días, o alumnado e profesorado da Escola de Capataces Forestais de Lourizán estivo a desenvolver unha estadía formativa nas Illas Cíes, no marco de LIFE INSULAR en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
A convivencia entre estudantes e persoal do Parque permitiu un intercambio directo de coñecementos, experiencias e metodoloxías de traballo. Durante a estancia, o alumnado participou en tarefas prácticas de conservación orientadas ao control das especies exóticas invasoras, nomeadamente especies do xénero Acacia, sobre as que os alumnos pudieron desenvolver un protocolo para a súa eliminación aplicando métodos pouco agresivos e respectuosos co ecosistema insular. De forma complementaria, tamén participaron na restauración de hábitats e na mellora da xestión forestal e ambiental, preparando una zona para repoboar con especies autóctonas nas zonas xa libres de especies exóticas.
Ademais, coñeceron de primeira man os resultados das actuacións desenvolvidas no proxecto LIFE INSULAR, principal impulsor da recuperación dos hábitats nas illas atlánticas. A visita permitiu comprender o impacto real destas intervencións, valorar o esforzo técnico e humano que implican e analizar a súa eficacia a medio e longo prazo ao mesmo tempo que se reforzou a formación do alumnado, fomentando unha visión práctica, crítica e comprometida coa conservación do patrimonio natural.