A Xunta de Galicia ofrece durante este mes de maio preto dunha ducia de actividades de divulgación ambiental no marco do proxecto transnacional LIFE INSULAR, que é un proxecto co que se busca mellorar a conservación dos ecosistemas insulares atlánticos reforzando a súa resiliencia fronte ao cambio climático e diferentes tipos de presión humana.
Deste xeito, o obxectivo destas xornadas é fomentar unha maior sensibilización dos visitantes sobre a conservación do patrimonio natural a través do coñecemento dos seus valores ambientais, paisaxísticos, etc e da promoción de prácticas responsables.
En concreto, sete desas accións desenvolveranse no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. A illa de Cortegada acollerá cinco actividades. A primeira delas está a se desenvolver esta fin de semana e consiste na plantación de especies arbóreas autóctonas na contorna da capela e nun roteiro interpretativo sobre a flora existente na illa para dar a coñecer os recentes labores de conservación dos ecosistemas de Cortegada.
Esta illa, ademais de acoller unha actividade de observación de bolboretas o día 11, será o escenario de dous talleres: o 17 de maio levará a cabo uno sobre rastros e pegadas para coñecer a fauna que habita en Cortegada e o 24 de maio farase outro sobre a construción de instrumentos musicais con elementos da natureza. A maiores, durante estas tres xornadas tamén se realizará unha acción de recollida de residuos pola zona de costa da illa.
En canto ás illas Cíes, o día 10 de maio farase un roteiro centrado na observación de bolboretas que dará continuidade ao estudo de investigación que está a desenvolver desde fai dez anos o Parque Nacional sobre os lepidópteros. Un día despois, o 11 de maio está previsto levar a cabo unha xornada de divulgación sobre a flora na contorna do cabo Udra, no concello de Bueu. Ademais, o día 18 farase un roteiro interpretativo na illa de Ons para coñecer a súa riqueza ecosistémica a través da observación de aves mariñas e terrestres.
Ademais, o próximo 21 de maio organizarase unha xornada de divulgación nun espazo da Rede Natura de Galicia sobre algúns dos animais presentes -aves, mamíferos, réptiles, etc-, que incluirá información sobre os seus hábitats, o seu comportamento e a súa importancia neste espazo natural protexido.
Por outra banda, dentro da Zona de Especial Conservación Complexo Húmido de Corrubedo, que inclúe a illa de Sálvora, realizaranse dúas xornadas de divulgación ambiental, que se centrarán na observación da flora -o 18 de maio- e das aves -o día 25- existentes nas praias da contorna de Corrubedo.