O pasado 25 de febreiro de 2025 celebrouse a primeira reunión do comité de dirección do proxecto LIFE GLOBAL, do cal tamén forman parte IBADER-USC e DXPN, beneficiarios de LIFE INSULAR en Galicia. Na devandita reunión decidiuse que a estratexia desenvolvida por LIFE INSULAR con respecto ao control e eliminación de EEI sexa replicada nos escenarios costeiros de LIFE GLOBAL en Galicia, contribuíndo por tanto ao potencial catalítico do proxecto, así como á transferibilidade e replicabilidade dos seus resultados.
O obxectivo xeral de LIFE GLOBAL é a posta en marcha dunha estratexia de restauración transnacional en 31 espazos Natura 2000 de alto valor de conservación do norte de España e Portugal, distribuídas entre os 3 escenarios máis vulnerables ao cambio global e de maior valor de conservación da biodiversidade: zona costeira, humidais continentais e áreas de montaña. Como principal medida de adaptación aos cambios globais actuais, o proxecto pretende mellorar o estado de conservación e a resiliencia ao cambio global de 10 hábitats prioritarios e 3 especies prioritarias. As actuacións de restauración complementaranse cunha estratexia completa para informar e sensibilizar á cidadanía en xeral, así como para trasladar as medidas desenvolvidas e os resultados obtidos para a súa replicabilidade a nivel comunitario. O proxecto ten un gran carácter demostrativo e piloto, e presentará unha gran complementariedade cos resultados e metodoloxías empregadas en LIFE INSULAR.