2024/10/21: Visita técnica para a captación de resultados e intercambio de experiencias na xestión sostible das dunas de Amsterdam (Países Baixos)

O pasado 21 de outubro, LIFE INSULAR (LIFE20 NAT/ES/001007) realizou unha visita técnica para a captación dos principais resultados desenvolvidos polo proxecto LIFE Amsterdam Dune Project (LIFE11 NAT/NL/000776), no sistema ecolóxico das dunas de Amsterdam (Países Baixos). A visita foi realizada por membros do IBADER (por parte de LIFE INSULAR), e de Waternet (por parte do LIFE Amsterdam Dune Project), ambos os dous coordinadores de cadanseu proxecto LIFE.

Waternet é unha empresa pública neerlandesa responsable de servizos relacionados coa auga. Entre as súas principais responsabilidades, atópase a xestión das dunas de Amsterdam, un espazo natural de 3.400 ha, que forma parte da Rede Natura 2000 dos Países Baixos, e que é a fonte principal de abastecemento de auga potable para a cidade de Amsterdam e os seus arredores. Deste xeito, con motivo do LIFE Amsterdam Dune Project, Waternet levou a cabo medidas para reverter os efectos da seca, a eutrofización e a presenza de especies exóticas invasoras, co fin de crear as condicións adecuadas para posteriormente acadar a restauración dos hábitats de dunas naturais e tipos de humidais presentes no espazo.

A visita permitiu transmitir as solucións adoptadas e as leccións aprendidas polo proxecto neerlandés, así como comparar as estratexias desenvolvidas por ambos os dous proxectos e chegar a un punto de acordo común: rexeitar o emprego de herbicidas na loita con invasoras en áreas cunha elevada fraxilidade pola vulnerabilidade dos valores naturais albergados, especialmente cando se trata de tipos de hábitats naturais ou seminaturais de humidais.

Voltar