2024/02/02: O proxecto LIFE INSULAR conmemora o Día Mundial dos Humidais

O proxecto LIFE INSULAR conmemora o Día Mundial dos Humidais cunha visita técnica aos enclaves do proxecto no Humidal de Importancia Internacional do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O Día Mundial dos Humidais celébrase cada ano o 2 de febreiro, data na que se conmemora o aniversario da aprobación da Convención Mundial sobre os Humidais, o 2 de febreiro de 1971, en Ramsar (Irán). Nesta edición de 2024, o tema a desenvolver é “Os humidais e o benestar humano”, co obxectivo de concienciar e aumentar a comprensión da xente sobre a importancia crítica dos humidais.

Aínda que só ocupan o 6% da superficie terrestre, os humidais funcionan como importantes provedores de servizos, xa que son grandes depósitos de auga doce, depuran e recargan os nosos acuíferos e proporcionan alimentos e recursos a millóns de persoas. Entre os servizos ecosistémicos reguladores destacan a preservación das nosas costas, a función natural de protección contra inundacións e secas, ou a mitigación dos efectos do cambio climático. De feito, ao longo da historia, a humanidade dependeu dos humidais de todas as partes do mundo, obtendo sustento, materias primas e resiliencia destes ecosistemas naturais.

Por desgraza, os humidais están a desaparecer a un ritmo alarmante (tres veces máis rápido que os bosques) debido ás actividades humanas. Durante os últimos 50 anos o mundo foi testemuña da perda ou degradación de máis do 35% das súas zonas húmidas. A conservación da biodiversidade e dos servizos que ofrecen estes ecosistemas é tarefa de todos. Grande ou pequeno, todo esforzo conta. Proxectos como LIFE INSULAR contribúen a mellorar o estado de conservación de compoñentes clave das zonas húmidas. A nivel individual, isto pódese conseguir tomando decisións conscientes para combater a contaminación dos humidais, colaborando con iniciativas de conservación ou participando activamente en proxectos locais de restauración de humidais.

Voltar