2024/01/08: A Xunta de Galicia licita os traballos de eliminación de especies exóticas invasoras en Cíes, Ons e Sálvora no marco do proxecto LIFE INSULAR

A Xunta de Galicia licitou por un importe inicial de 133.538,58 euros o servizo para a eliminación de especies exóticas invasoras nas illas Cíes, Ons e Sálvora do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, uns traballos que se centrarán nas dunas grises fixas e no seu hábitat de contacto co fin de garantir o seu estado de conservación favorable.

Cunha vixencia de 33 meses, este contrato enmárcase nos traballos que se están desenvolvendo no marco do LIFE INSULAR, un proxecto transnacional cofinanciado con fondos europeos no que participan España e Irlanda e que ten como fin conseguir a restauración integrada de hábitats insulares do Océano Atlántico.

Para lograr estes obxectivos, a iniciativa prevé executar sobre o terreo unha serie de actuacións centradas nos tipos de hábitats prioritarios e de interese comunitario 2130* e 4030, correspondentes ás Dunas costeiras con vexetación herbácea (Dunas grises) e aos Queirogais secos europeos.

A licitación que se acaba de publicar correspóndese con este tipo de traballos in situ e permitirá darlle continuidade aos labores acometidos xa no último ano e medio nos tres arquipélagos galegos sobre a flora terrestre exótica invasora (acacias, margarida africana etc.)/ etc.) e que inciden de forma moi beneficiosa no estado de conservación dos hábitats antes mencionados.

En concreto, o servizo inclúe a realización de accións para a mellora da estrutura e funcionalidade de dous tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control, mediante métodos manuais, de flora invasora.

A empresa que se faga cargo do servizo, cuxa duración se estenderá desde a firma do contrato ata novembro do ano 2026, deberá dispoñer para a realización dos traballos programados dun mínimo de seis peóns especialistas e un responsable técnico á fronte do equipo de campo.

Fai falta lembrar que o obxectivo principal do proxecto LIFE Insular é promover un estado de conservación favorable dos hábitats de illas pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, á vez que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático.

Neste sentido, búscase minimizar a medio e longo prazo o impacto de posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación (risco de vendavais, erosión eólica catastrófica...) e buscarase tamén unha recuperación da paisaxe natural destas illas co reto de reverter a situación á que había 70 anos atrás.

En concreto, póñense o foco de atención sobre oito Zonas de Especial Conservación (ZEC) localizadas en cinco illas que son (ademais das tres galegas xa citadas) A Graciosa, en Canarias, e Irlanda.

O IBADER (Universidade de Santiago de Compostela) exerce o papel de coordinador, mentres que o Goberno galego, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, encárgase da execución técnica, tal e como se recolle no convenio asinado en 2022 entre ambos os organismos. Os outros socios beneficiarios do proxecto europeo son o Organismo Autónomo de Parques Nacionais e, pola parte irlandesa, o Department of Housing, Local Government and Heritage e o Coillte CGA.

Voltar