Entre as accións de conservación que desenvolve Coillte dentro do proxecto europeo LIFE INSULAR, inclúese a eliminación dunha serie de plantacións forestais realizadas na década ...

" />
   

2023/05/23: Os planos de Coillte para as plantación forestais sobre as dunas en Murvagh

Entre as accións de conservación que desenvolve Coillte dentro do proxecto europeo LIFE INSULAR, inclúese a eliminación dunha serie de plantacións forestais realizadas na década de 70s sobre hábitats de duna.

Os plans para eliminar unha parte destas reforestacións, incluídos na estratexia de restauración e conservación de dunas en Murvagh, recibiron reaccións dispares a nivel local. Algunhas persoas expresaron a súa preocupación por que un ecosistema estea a sacrificarse en interese doutro. Outras cuestionaron o sentido de talar árbores se o obxectivo é crear dunas estables. E outras moitos das que desfrutan deste espazo, temen que se perda parte da beleza da contorna.

Con todo, Coillte, unha das organizacións que participan no proxecto LIFE INSULAR, asegura á xente que o proxecto é bo para a xestión costeira e da biodiversidade. E están a disipar as preocupacións en torno a que a eliminación das árbores podería ser prexudicial.

Tres espazos de Donegal: Murvagh, Ards Forest Park e Rinclevan, Horn Head atópanse entre as catro ZECs irlandeses incluídas no proxecto LIFE INSULAR. A cuarta localización é Raven Nature Reserve en Wexford, onde xa se iniciaron os traballos.

LIFE INSULAR é un proxecto conxunto entre Irlanda e España que traballará para protexer e restaurar Zonas de Especial Conservación (ZECs). En Irlanda, o proxecto xestiónase a través dunha colaboración entre o Servizo de Parques Nacionais e Vida Silvestre (NPWS) e Coillte Nature.

O traballo en Murvagh implicará a tala dunha parte das plantacións forestais no camiño cara ao estacionamento da praia. Un portavoz de Coillte comentou que: “Eliminarase unha pequena área de árbores nunha área que se identificou como a que ten as mellores perspectivas para a restauración do hábitat de duna”.

Houbo moitos comentarios sobre isto a nivel local, e algunhas persoas expresaron a súa preocupación en torno a que eliminación de árbores debilitaría as dunas en lugar de melloralas ao eliminar unha ancoraxe natural. O portavoz de Coillte dixo: “As plantacións de coníferas normalmente non son unha parte natural das dunas irlandesas, pero plantáronse nos últimos 100 anos para producir madeira ou para substituír a vexetación natural que fora danada.

“En moitos casos, estas árbores medraron ben e suprimiron as plantas nativas, as bolboretas, as abellas e as aves que aniñan no chan adaptadas aos hábitats dunares. Neste proxecto, o principal beneficio para estes hábitats de duna, será a restauración das condicións naturais para promover a súa naturalidade e a biodiversidade.

“A vexetación natural das dunas proporcionou dunas estables para o recreo e o pastoreo de gando durante xeracións, e as áreas do proxecto LIFE INSULAR teñen unha boa cobertura vexetal onde non existen plantacións forestais”.

“As plantas herbáceas e musgos que xa se atopan nas partes non reforestadas destes espazos, teñen raíces que forman unha capa preto da superficie da duna, que estabiliza as dunas, evitando que o vento leve a area.

“Despois de que se realicen os traballos de tala de árbores, utilizaremos medidas de protección temporal respectuosas coa natureza cando sexa necesario, para reducir o impacto do vento nas dunas ata que a vexetación natural estea pronta”.

Cando se lle preguntou se había exemplos onde este tipo de proxecto tivo éxito, o portavoz de Coilte dixo que esforzos de restauración similares tiveran éxito no Reino Unido. Isto é particularmente notable dada a similitude do clima. “A restauración das dunas forestadas comezou na década de 1980, e en 1993 publicouse un documento que evidenciaba a recuperación en nove sitios do Reino Unido, incluídos dous estudos de casos detallados (Whiteford e Ainsdale)”, dixo o portavoz.

“Este documento mostrou que é posible restaurar a vexetación herbácea, pero que algúns sitios necesitan máis tempo e medidas de restauración, como retirar agullas de piñeiro ou esparexer sementes locais nativas para promover a recuperación.

“Despois destes proxectos exitosos, levouse a cabo a tala e limpeza de matogueiras en máis sitios en Escocia, Inglaterra e Gales, e continúa ata o día de hoxe. "Agora estamos nunha boa posición para aprender dos proxectos no Reino Unido para garantir que as dunas se restauren a unha mestura natural de especies herbáceas e musgos, e que se implemente a mellor xestión a longo prazo".

Máis información sobre a acción en...

Voltar