2023/03/22: Nova publicación sobre os territorios insulares de LIFE INSULAR

Como froito das accións preparatorias do proxecto LIFE INSULAR (LIFE20 NAT/ES/001007), consistentes na avaliación do estado de conservación dos territorios insulares incluídos dentro do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, a revisión da información previa e o estado do arte con respecto a este espazo natural protexido posibilitaron a publicación do traballo “Protecting Wetlands: Insights from the Northern Iberian Peninsula (Galicia, NW Spain)”, como un dos capítulos do libro “New Insights Into Protected Area Management and Conservation Biology”, publicado pola prestixiosa editorial internacional Intechopen.

Neste traballo analízase a situación da zona atlántica da Península Ibérica, e concretamente de Galicia, un territorio que conta cunha gran cantidade de humidais de alto valor para a biodiversidade e a conservación do patrimonio natural, pero sobre os que non existe unha protección adecuada, documentado pola presenza dun gran número de impactos antrópicos que están a provocar o deterioro da biodiversidade, a destrución dos hábitats e o declive das especies. O traballo avalía a xestión, métodos e procesos sobre a biodiversidade dos Humidais Protexidos en Galicia, analizando os avances na súa conservación e xestión ao longo do tempo, incluíndo o inventario dos humidais, así como as súas disposicións legais e denominacións, as tendencias e cambios dos seus límites por varias razóns, o seu uso e medidas de xestión indebidos, así como as consecuencias de todos estes aspectos que se traducen nunha perda de calidade no marco legal dos Humidais Protexidos, valorando os retos e perspectivas de futuro que se presentan para esta categoría de espazo protexido.

Voltar